Friday 29 de March de 2024

Uns 300 moteiros participarán esta fin de semana na “XV Concentración Moteira Cidade de Narón”


A cidade acollerá esta fin de semana a “XV Concentración Moteira Cidade de Narón”, organizada polo Concello e o Moto Club Fojeteiros. Uns 300 moteiros procedentes de diferentes comunidades autónomas achegaranse estes días á cidade para participar na convocatoria, na que o club local espera reunir no paseo marítimo de Xuvia a máis de 15.000 persoas, tal e como indicou o seu presidente, José López Quintián. O Concello instalou unha gran carpa para poder desenvolver esta cita do motor, que se inaugurará mañá ás 18.00 horas coa apertura das inscricións do Mercadillo moteiro e que continuará pola tarde, cunha cea para as persoas inscritas ás 21.30 baixo a carpa e os concertos ás 23.00 horas de Cuero & Laca, La Guardia (xira 40 aniversario) e Malditos Pendejos.

O sábado día 4 abriranse de novo as inscricións –para as persoas que non o fixeran previamente- ás 10.00 horas e tamén o mercadillo moteiro e ás 11.15 horas sairá unha ruta mototurista dende o paseo de Xuvia ata o concello de Cedeira, de donde partirán de novo os participantes cara a Xuvia ás 12.50 horas. Esta ruta, ao igual que a convocada para o domingo, enmárcase nas “X Xornadas de Turismo Activo” incluídas neste evento. Pola tarde, ás 17.30 horas terá lugar unha exhibición de trial a cargo de Juanda de la Peña e Víctor Palomares no paseo de Xuvia e trala cea, tamén baixo a carpa, procederase á entrega de trofeos. A tradicional Ruta das antorchas, coa que rinden homenaxe aos compañeiros e compañeiras falecidos en accidente de moto, dará comezo ás 23.00 horas e discurrirá como é habitual pola estrada de Castela, con desfile de fachos e unha festa moteira ao remate do mesmo a cargo de DJ Frank Fairlane.
Finalmente, o domingo haberá unha nova ruta moto turística, ás 11.30 horas para visitar o Faro de Meirás, en Valdoviño, e as inmediacións da praia da Frouxeira, regresando de novo ás 12.10 horas a Xuvia. Trala comida baixo a carpa instalada no paseo sortearanse agasallos entre todas as persoas inscritas. A clausura desta concentración moteira está programada para as 16.00 horas.